Charla «Bioloxía dos bivalvos comerciais da Ría de Muros e Noia»




O pasa do mércores 9 de maio, o alumnado de 1º de Bacharelato de Ciencias asistiu á charla «Bioloxía dos bivalvos comerciais da Ría de Muros e Noia», a cargo de Liliana M. Solís, bióloga da Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia.

A primeira parte da exposición consistiu na explicación dos factores xeográficos que condicionan o ecosistema da zona interior da ría, que determinan unha grande produtividade grazas ao afloramento de augas oceánicas profundas, e un ambiente limpo debido á acción depuradora das extensas marismas das embocaduras dos ríos, libres maioritariamente de urbanización e obstáculos á interacción natural entre as augas continentais e oceánicas.

Nunha segunda parte Liliana expuxo os principais aspectos da bioloxía das especies dos bivalvos filtradores do substrato areoso, como ameixas e berberecho, dando detalles sobre a súa anatomía, alimentación, reprodución, depredadores, distribución das diferentes especies, etc.

A terceira parte da charla centrouse na explotación comercial, na importancia económica desta actividade, nos sistemas de control das condicións da auga e outros factores que poden afectar á cantidade e á calidade do produto.

A charla rematou cunha reflexión sobre a conservación e futuro desta riqueza. Neste aspecto a conferenciante salientou as predicións do impacto do cambio climático: a alteración dos aportes fluviais, dos ventos dominantes e da circulación da auga na ría pode traer cambios difíciles de predicir, pero que é moi probable que supoñan unha ameaza para as especies que se explotan actualmente.

Comentarios